11/05/2026
Mutantada toda!
Ante a imposibilidade de seguir desenvolvendo as nosas actividades con normalidade vémonos na obriga de anunciar que o Liceo Mutante ten que marchar de Afonso XIII.
Tomaremos un tempo de reflexión para valorar a viabilidade e o futuro do proxecto. Son quince anos de autoxestión, comunidade, momentos fermosos... pero tamén de loitas e problemas continuos.
Igual non é este o momento para deixar por escrito a tristeza e rabia que nos produce a terrible deriva cultural, social e inmobiliaria da nosa cidade. Os prezos de alugueiro e a especulación inmobiliaria esnaquizan vidas e arrasan con calquera tipo de proposta que non teña un propósito comercial. E a moral que iso implica lévanos cara un abismo. Pero resistiremos.
Pensamos en todas vós, en nós, na xente que estivo antes no Liceo e na que podería estar no futuro. Sabemos que nos apoiades, pero manter no tempo un centro social autoxestionado é unha misión case imposible hoxe en día, xa que hai moitas variables que non dependen de nós. E a descontinuidade temporal dos espazos é unha cousa que non podemos controlar (explicado doutro xeito: que ir dun local a outro, e abrir e pechar Liceos é un proceso difícil e complexo que ademais non depende de nós, senón de caseiras, veciñas, administracións, mercados, etc.)
Pedímosvos que entendades a situación e que esteades atentas. E que non deixedes de apoiar os centros sociais e outras formas de vivir e xestionar a vida e a cultura máis alá do negocio inmobiliario, dos macrofestivais e dos algoritmos.
Sexa cal sexa a decisión que tomemos, todas nós seguiremos no camiño da cultura libre, da solidariedade e da arte como encontro colectivo e non como negocio.
Iso si, vémonos o día 27 de maio no salón de actos do edificio sindical para o concerto de Kuntari! Que de aquí non marchamos sen quedarmos pra mañá!
Longa vida ao Mutante!